Nesta entrada queremos dar a coñecer un tipo de técnica construtiva moi empregada e de seguro que tes visto na nosa contorna: a “Pedra en Seco”.
Este tipo de técnica conforma un dos exemplos de técnicas, coñecementos e usos máis relevantes das formas de vida tradicional e a relación das comunidades co medio para a creación da súa paisaxe.
Unhas das características máis peculiares deste tipo de técnica construtiva é a súa adaptabilidade a diferentes entornos, o que implica unha diversidade de formas e tipos, pero sempre empregando pedras que se obteñen das inmediacións, tratando de coñecer e obter o máximo proveito dos recursos naturais, e levando a cabo unhas construcións sostibles co entorno.
Os muros de cachotería realizados con esta técnica construtiva constitúen construcións de alta calidade tanto material como compositiva, caracterizados por pezas de pequeno tamaño colocadas sen argamasa, en seco.
Esta tipoloxía de valados atópanse protexidos pola Lei 5/2006 do patrimonio cultural de Galicia, recoñecendo como ben do patrimonio cultural inmaterial as técnicas artesanais tradicionais, actividades productivas e procesos. O art. 32 da citada Lei recolle o deber de conservación: “as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración”.
No ano 2016 publícase no DOG a Resolución de 31 de agosto de 2016, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se inclúe no Censo do Patrimonio Cultural a técnica tradicional da construción coa pedra en seco como manifestación do patrimonio cultural inmaterial, definíndoa como: “técnica tradicional de construción con pedra, sen labra ou cun traballo de regularización máis ou menos rudimentario, combinando entre si pezas de diferentes tamaños e mesmas características, con múltiples combinacións en función do material usado e os seus requirimentos funcionais, pero sen aglomerantes nin adhesivos de ningún tipo, polo que estruturalmente funcionan pola súa masa e o equilibrio e habilidade na súa disposición e combinacións”.
Asi mesmo, no ano 2018, a UNESCO inscribía os “Coñecementos e técnicas da arte de construír muros en pedra seca” na lista representativa de Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.