Durante finais do ano pasado e comezos do presente levamos a cabo o deseño e execución do Sendeiro das Corredoiras para o concello de Arzúa.
Este roteiro conxuga o interese paisaxístico das terras agrarias con elementos de gran valor patrimonial e a recuperación dunha rede de antigas corredoiras que nos retrotraen centos de anos atrás, cando estaban cheas de vida e eran empregadas polos veciños e veciñas do concello.
O obxectivo fundamental da creación deste sendeiro foi a recuperación de case 3600 metros de corredoiras que estaban totalmente desaparecidas pola maleza e que xa non eran transitables.
Durante o seu trazado, é posible camiñar por corredoiras franqueadas por carballos centenarios, ver a capela de Santa Marta, a capela e fonte de San Xoán de Navás ou a pontella que salva as augas do Rego Carracedo.
O seu inicio sitúase na Praza de Galicia, en pleno centro de Arzúa, e remata no mesmo punto despois de algo máis de 15 quilómetros. Conta cun desnivel positivo acumulado duns 315 metros e a duración estimada é de case catro horas e media.