Dende o pasado día 14 de outubro, e até o 27 de outubro, estarán publicados na Sede Electrónica do Catastro os mapas de valores de referencia dos bens inmobles urbanos e rústicos para a posta en coñecemento da cidadanía en xeral, onde os interesados poderán presentar alegacións e probas ó contido das resolucións.
O valor de referencia dun inmoble é o resultado da análise dos prezos de todas as compravendas de inmobles que se realizaron ante fedatario público, non superando o valor de mercado por serlle de aplicación un factor de minoración na súa determinación.
O valor catastral non se verá afectado e, polo tanto, tampouco se modificará o IBI, xa que o valor de referencia servirá de base impoñible mínima para os Impostos de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP e AXD) e sobre Sucesións e Donacións (ISD).
Será de aplicación a partir do 1 de xaneiro do ano 2022, data a partir da cal poderemos consultar os valores de referencia individualizados na Sede Electrónica do Catastro.
É importante revisar que os datos dos nosos bens inmobles sexan os correctos no Catastro, podendo iniciar un procedemento de subsanación de discrepancias para correxir os posibles erros.
Poderán obter máis información sobre o valor de referencia no Portal da Dirección Xeral do Catastro.