Nesta ocasión queremos achegarvos a un concepto que ao mellor non vos sona moito pero que, se camiñades ou practicades algún deporte por zonas montañosas, seguro que tedes visto este elemento fundamental das redes xeodésicas: o vértice xeodésico.
A xeodesia é a ciencia que estuda a forma e as dimensións da Terra, sendo unha parte fundamental da mesma a determinación dunha serie de puntos sobre a superficie terrestre mediante coordenadas.
Unha rede xeodésica está constituída por unha serie de triángulos, cuxos vértices son puntos convenientemente escollidos sobre o terreo, unidos entre sí polas visuais que os enlazan mutuamente, cunhas coordenadas que serven para poder realizar a cartografía do territorio.
Vértice Xeodésico “O Pilar”
Nos anos 80 procedeuse á reconstrucción da antiga rede xeodésica creada nos anos 50 do S.XIX, reorganizando a Rede en dúas partes: Rede de Primeira Orde (RPO), cunha lonxitude entre os vértices dos triángulos de entre 30 – 40 km, e a Rede de Orde Inferior (ROI), cunha lonxitude media de 7 km. A Rede Xeodésica Nacional por Técnicas Espaciais (REGENTE) formouse nos anos 90 para implementar o sistema europeo terrestre de referencia (ETRS89) como sistema de referencia oficial en España, establecendo unha rede de altísima precisión.
Os vértices xeodésicos son a “monumentalización da Rede Xeodésica”, cunhas dimensións que varían en función do tipo de rede da que forman parte. Os vértices da Rede ROI teñen unha base cadrada de 1 metro de lado e un pilar cilíndrico de 1,2 m de 30 cm de diámetro, mentres que os vértices que forman parte da Rede RPO contan cunha base de 3 metros de lado e o pilar cilíndrico que se ubica enriba dela ten un diámetro de 40 cm, sendo tamén de 1,2 m de alto.
Vértice Xeodésico “O Farelo”
Pero… por qué eran tan importantes os vértices xeodésicos? Grazas a eles era posible “anclar” a cartografía ao territorio, permitindo enlazar, por exemplo, unha medición dunha parcela coa cartografía existente.
A día de hoxe a súa utilización quedou en desuso debido ao Servizo de Posicionamento en Tempo Real (SPTR), que nos proporciona, en tempo real e sen a necesidade de desprazarse a un vértice xeodésico, as coordenadas dun punto cunha precisión centimétrica. Este sistema está basado nos datos de máis de 200 estacións GNSS que, con conexión a internet, permite correcións en tempo real que aumentan a precisión da toma de datos en campo.
Máis info sobre as Redes Xeodésicas na web do IGN.
No seguinte mapa represéntanse os vértices xeodésicos da contorna de Melide.