Comecemos definindo o Catastro Inmobiliario como “un rexistro administrativo dependente do Ministerio de Facenda no que se describen os bens inmobles rústicos, urbanos e de características especiais”, sendo o acceso aos datos catastrais libre e gratuíto para toda a cidadanía dende a web.
En numerosas ocasións, os datos recollidos no Catastro non se corresponden coa realidade física do noso inmoble, sendo moi común que os lindeiros da nosa parcela no terreo non coincidan cos reflectidos na cartografía catastral, polo tanto, non coincidindo tampouco a superficie real da parcela e a recollida en Catastro.
Para adecuar os datos recollidos en Catastro coa realidade física da parcela é necesario iniciar un procedemento de Subsanación de discrepancias. O artigo 18 da Lei de Catastro Inmobiliario recolle que o “procedemento de subsanación de discrepancias iniciarase de oficio por acordo do órgano competente, cando a Administración teña coñecemento, por calquer medio, da falta de concordancia entre a descrición catastral dos bens inmobles e a realidade inmobiliaria e a súa orixe non se deba ó incumprimento da obriga de declarar ou comunicar”.
Para subsanar esta discrepancia, o propietario terá que presentar unha solicitude acompañada dun informe técnico onde se inclúa unha medición topográfica do ben en cuestión. Se así o desexa, en Gabinete Cartotec podemos encargarnos da medición topográfica do inmoble e de todos os trámites administrativos necesarios para adecuar a realidade e o Catastro.
E para qué quero medir unha finca?
Adecuar a realidade e o Catastro é necesario en moitos casos como, por exemplo, para a compravenda dunha finca. Coñecer a superficie real da finca que vas mercar (ou vender) evitará que se pague de máis ou de menos. Darase o mesmo problema no caso de alugar ou permutar unha finca en base á súa superficie.