PR-G 259 Ruta dos Montes do Bocelo

Este sendeiro danos a oportunidade de coñecer varios dos lugares máis singulares dos Concellos de Melide e Toques, entre eles o Coto do Pilar, “teito” da Provincia cos seus 803 metros de altitude.

Comezando en Melide (Praza das Universidades), o sendeiro transcorre entre formacións arbóreas autóctonas até chegar á aldea de Os Ánxeles. Dende este lugar, continúase por camiños e pistas con pendentes moi suaves entre formacións de Quercus e Eucalyptus, que nos fornecen boa sombra nos meses máis calurosos.

Logo de cruzar a estrada da Garea a Pedrouzos, baixaremos até o río Pedrouzos e, logo de cruzalo, o sendeiro comeza a gañar altitude e pouco a pouco podemos ir gozando das fermosas vistas que nos ofrece.

Coroado o Coto do Pilar xa estaremos no “teito” da provincia da Coruña, dende onde temos unha boa panorámica da Terra de Melide ao sur e das terras do Alto Tambre ao norte. Neste mesmo lugar atópase a Braña da Cruz do Bocelo, de enorme riqueza ambiental e arqueolóxica.

Coto do Pilar

Continuando o sendeiro, e logo de cruzar a estrada de Melide a Sobrado dos Monxes, xa nos adentramos no Concello de Toques, onde transcorre por camiños e pistas entre pradeiras e formacións arbóreas que nos ofrecen fermosas panorámicas.

Despois de cruzar o río da Toca pola Pontella de Pontepedriña chegamos a San Antolín, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 1994.

San Antolín Toques

Dende aquí, o sendeiro continúa polo “Camiño da Toca” atravesando unha das zonas de vexetación autóctona mellor conservadas até chegar á Ponte de Atá, onde se cruza de novo o río da Toca para acadar o final do sendeiro en Souto, capital do Concello de Toques.

Datos do sendeiro:
Distancia: 19,9 km
Tempo estimado: 6h 10′
Desnivel positivo: 575 m
Desnivel negativo: 560 m
Tipo de percorrido: travesía

Enlace Wikiloc

Descarga ficha do sendeiro

Descarga trazado en formato gpx

    Algún proxecto en mente, problemas co catastro? Déixanos o teu contacto e chamámoste sen compromiso