A riqueza en canto ao patrimonio natural e arqueolóxico presente na comarca da Terra de Melide motivou que nos últimos anos se creasen diferentes rutas de sendeirismo.
Deste modo, o concello de Toques é o que conta cun maior número de sendeiros homologados cun total de tres (Roteiro das Fervenzas, Roteiro da Ermida e Roteiro dos Megalitos). En canto ao número de sendeiros, ségueo o concello de Santiso con dous (Sendeiro de Visantoña e Roteiro da Beseña), mentres que os concellos de Melide e Sobrado dos Monxes contan cun sendeiro cada un (Ruta dos Montes do Bocelo – Teito da Coruña e Roteiro da Pena Moura, respectivamente).
Estes sendeiros percorren os lugares de maior interese patrimonial da comarca, polo que constitúen unha fenomenal maneira de facer deporte ao aire libre mentres se coñecen estas paraxes.
Na zona norte da comarca é onde se sitúan a maior parte dos sendeiros (cinco), coa peculiaridade de que practicamente se conectan todos entre sí, creando unha rede de sendeiros moi interesante.
Entre o val do río Furelos e a Serra do Careón atopámonos en primeiro lugar co PR-G 166 Roteiro das Fervenzas, que como o seu propio nome indica, ten como elemento principal As Fervenzas de Brañas que, cos seus 20 metros de caída de auga, amenízanos a camiñata.
Imaxe 360° das Fervenzas de Brañas:
Compartindo parte do trazado co sendeiro anterior atópase o PR-G 167 Roteiro da Ermida. Recibe o seu nome da capela ou Ermida de San Cidre, situada no monte do mesmo nome, en plena Serra do Careón. Dito sendeiro cruza a aldea de San Xiao do Monte, onde existen elementos tan interesantes como o Castro de San Xiao ou o Pombal da Casa do Herdeiro.
A terceira ruta do concello de Toques é a PR-G 168 Roteiro dos Megalitos. Transcorre por camiños e sendeiros da Serra do Careón, conecta co PR-G 166 preto das Fervenzas, e dende aquí comeza a ascender el altitude até chegar, no seu punto máis elevado, ó Forno dos Mouros, monumento megalítico de gran interese arqueolóxico.
Nos mesmos Montes do Bocelo, pero na súa cara norte, sitúase o PR-G 235 Roteiro da Pena Moura. Este sendeiro pertence ao concello de Sobrado dos Monxes e da comezo na súa famosa Lagoa. Dende este lugar, partimos en dirección aos Montes do Bocelo, comenzado a gañar altitude até acadar o Forno dos Mouros.
A escasos metros atopamos a Pena Moura, paisaxe mítica asociada a numerosas lendas. Podemos visitala virtualmente neste enlace.
Recentemente ven de crearse o PR-G 259 Ruta dos Montes do Bocelo, que conecta os concellos de Melide e Toques a través dos Montes do Bocelo, alcanzando o Coto do Pilar, o lugar máis elevado da provincia da Coruña.
Dende este lugar alcánzase a ver os límites da nosa comunidade, polo que merece a pena a súa visita nun día claro. Ademais deste reclamo, o PR-G 259 ofrece un percorrido entre bosques de frondosas e elementos arqueolóxicos moi valiosos. Cabe destacar o BIC de San Antolín, que se atopa ao carón do seu percorrido.
A escasos metros de San Antolín atópase a Pontella de Pontepedriña, que nos permite cruzar o río da Toca ou Pedriña.
Na contorna do Encoro de Portodemouros, no concello de Santiso, existen dúas rutas de sendeirismo homologadas con distancias ben diferentes. A primeira delas é o PR-G 125 Sendeiro de Visantoña que comeza e remata en Visantoña, no Lugar de Seoane.
Percorre practicamente a totalidade da parroquia de Visantoña visitando lugares como o Castro de Vilar de Ferreiros, o Pazo de Vilar de Ferreiros e o Encoro de Portodemouros, ofrecendo unha inmellorable panorámica da Illa de Altura.
O segundo dos sendeiros de Santiso é o PR-G 226 Roteiro da Beseña. É un sendeiro lineal que se recomenda realizalo no sentido das augas do río Ulla, xa que transcorre pola súa marxe dereita e deste modo vainos acompañando en todo o percorrido. Ten o seu comezo na zona das Cañizas, preto do muíño do mesmo nome. O elemento principal é a auga, destacando o río Ulla, pero tamén os seus numerosos afluentes como o rego da Beseña, de onde provén o nome do roteiro.
Ao pouco de comezar, pasaremos ao carón da confluencia entre os ríos Furelos e Ulla para, logo de cruzar a Ponte nova chegar á área de lecer do Liño, na Cornella, onde poderemos darnos un refrescante chapuzón se o tempo o permite.
Dende este lugar, o río Ulla encáixase e ofrécenos unha paisaxe diferente á anterior. En Mourazos, merece a pena ver a inscrición da antiga ponte do século IX, sempre e cando o nivel das augas sexa baixo. O sendeiro continúa ao carón do río até que chegamos á zona de Busel, onde xa se aprecia o Encoro de Portodemouros; en épocas de estiaxe pódese ver a antiga ponte de Busel que salvaba as augas do rego da Beseña.
A construción do encoro provocou o anegamento de moitas terras e aldeas, unha delas foi a de San Vicenzo de Ribadulla, que aínda se poden ver os restos das vivendas e demais edificacións cando baixa o nivel do encoro.
A partir deste punto, o sendeiro adéntrase cara as aldeas de Barco e Calvos, chegando case a Visantoña, para volver ao carón do río Ulla en Vilanova e xa continuar o seu trazado bordeando a “península” de Beigondo até rematar en Balocás, onde se une co PR-G 125.